Romances

Contar cantando

Contar cantando é unha das formas máis antigas e poderosas de conservar e transmitir historias, unha práctica que atravesa culturas e épocas e que atopa na música unha extraordinaria ferramenta para manter viva a memoria. Desde a épica e as cantigas narrativas medievais ata o romance, este programa percorre diferentes tradicións europeas nas que música e relato se unen para contar historias de peregrinos, heroes, amores, batallas, traizóns e personaxes que acabaron converténdose en lendas. O percorrido parte do universo da canción narrativa medieval, con pezas como o Pälestinalied de Walther von der Vogelweide e as Cantigas de Santa María, para adentrarse despois no rico mundo do romanceiro, unha das grandes formas narrativas da tradición peninsular. A través de romances conservados en fontes como o Cancioneiro Musical de Palacio, aparecen personaxes do ciclo carolinxio, historias de amor e de guerra, episodios históricos e relatos fronteirizos, nun repertorio que soubo ocupar un lugar singular entre a longa narración épica e as formas máis breves da canción lírica. O programa recupera tamén historias vinculadas á propia memoria de Galicia, como o Pranto da Frouxeira, nacido arredor da execución de Pardo de Cela e convertido co tempo nun dos grandes relatos da mitificación do Mariscal, así como outras pezas que evocan peregrinacións, amores e acontecementos históricos. A música acompaña finalmente relatos de batallas e conflitos que marcaron a historia da Península, desde a conquista de Alhama e o sitio de Antequera ata a batalla de Alcazarquivir e o nacemento do mito do sebastianismo. Un programa no que música e relato se entrelazan para recuperar unha tradición fundamental da cultura europea e peninsular: a de contar historias cantando.

Programa con 4/5 intérpretes