Laudatio Funebris
Da morte, o pranto e o alén no Reino de Galiza
En colaboración con aCentral Folque. Proxecto galardoado co primeiro premio no 2025 no III Certame “Fondo de proxectos culturais Reino de Galicia”, promovido pola Deputación da Coruña .
Un percorrido pola música e a memoria da Galicia medieval a través dun dos xéneros máis singulares da lírica europea: o pranto. O programa reúne, por primeira vez nunha proposta musical, unha selección cronolóxica dos principais prantos vinculados ao antigo reino de Galicia, desde o planh de Cercamon á morte de Guillerme X de Aquitania, falecido durante a súa peregrinación a Compostela en 1137, ata o pranto de Johan, jograr morador en Leon, dedicado a D. Dinis de Portugal. No centro do percorrido sitúanse os dous prantos de Pero da Ponte dedicados a Fernando III e Beatriz de Suabia, figuras fundamentais da historia galego-leonesa e da corte na que se desenvolveu a lírica galego-portuguesa. O repertorio amplíase con outras pezas que permiten reconstruír o rico contexto musical desta tradición, desde a prosa do Códice Calixtino e músicas relacionadas co ambiente da corte de Afonso VII ata as Cantigas de Santa María, empregadas como fonte para dar voz musical aos prantos de Pero da Ponte, cuxas melodías orixinais non se conservaron. Completa o percorrido o excepcional planctus latino Sol eclypsim patitur, dedicado tamén a Fernando III e transmitido con música no Manuscrito de Florencia, así como outras obras polifónicas do século XIII, o Dies Irae e músicas relacionadas coa tradición funeraria medieval. O programa conclúe coa Cantiga de Santa María 403 e co Plange regni respublica de Guillaume de Machaut, último gran representante da tradición trobadoresca francesa e compositor fundamental do século XIV, nunha evocación musical do final dunha época. Un programa especialmente significativo que recupera, a través da música, a memoria dunha Galicia medieval de extraordinaria vitalidade cultural, cando a lingua galega era unha das grandes linguas da lírica europea e os seus trobadores participaban plenamente dos circuítos musicais e poéticos do seu tempo.
Programa para 5 intérpretes
