Eu son de vos muito maravillado
Drama e música no solpor do Reino Medieval de Galiza (ss.XIV-XV)
Proxecto premiado no 2023 no I Certame “Fondo de proxectos culturais Reino de Galicia” da Deputación da Coruña
Un percorrido pola historia e a música arredor da figura de Pardo de Cela, desde os acontecementos que levaron á súa execución en Mondoñedo en 1483 ata a súa posterior conversión en símbolo da identidade galega. O programa combina a música en directo coa intervención dun narrador, que, intercalado entre as pezas, vai debullando os principais fitos desta historia e establecendo o fío condutor do percorrido. O repertorio, que abrangue os séculos XIII ao XV, dialoga coa narración para evocar conflitos de poder, lealdades e deslealdades, o papel da Igrexa e dos señores feudais e a situación das clases populares. Inclúe dúas Cantigas de Santa María ambientadas en Galicia, pezas do Cancioneiro Musical de Palacio, música relixiosa procedente da Catedral de Santiago e obras de compositores como Guillaume Dufay ou Constanzo Festa, xunto con exemplos da música ligada á propaganda dos Reis Católicos. O percorrido culmina coa especial adaptación do Pranto da Frouxeira, cuxa letra se presenta sobre a música do célebre romance Mi libertad en sosiego, de Juan del Encina. Un programa que combina música, narración e memoria histórica para achegarnos, desde unha perspectiva orixinal, á complexa historia dun dos personaxes máis controvertidos e mitificados de Galicia.
Programa para 6/7 intérpretes e narrador
