Eamus videre

O ciclo da Semana Santa na música antiga

Un percorrido musical pola Semana Santa da tradición ibérica, desde as raíces medievais desta celebración ata a extraordinaria creación polifónica dos séculos XV e XVI, unha das épocas de maior esplendor da música da Península. O programa toma como punto de partida a tradición musical vinculada á Semana Santa, representada polo Significatione Sepulchri, conservado na Catedral de Santiago, e percorre un repertorio no que a Paixón e a Resurrección de Cristo inspiraron algunhas das máis destacadas expresións da música occidental. Xunto a pezas de carácter relixioso, inclúense obras procedentes de cancioneiros de contido profano que, de maneira máis ou menos directa, evocan estes momentos do calendario litúrxico, entre elas Esta tristura y pesar, así como unha selección do Cancioneiro Musical de Palacio. O programa comeza coas músicas relacionadas co Entroido, como contrapunto ao inicio da Coresma no Mércores de Cinza, representado polo tracto Domine non secundum peccata nostra, para conducirnos despois, a través dun repertorio de gran riqueza e variedade, cara á Semana Santa. Un programa que recupera a forza expresiva dunha música nacida arredor das grandes celebracións do calendario cristián e que nos achega á extraordinaria riqueza musical da Península nos séculos XV e XVI.

Programa para 6/7 intérpretes