Dor e amor
Feitos de armas históricos na Galicia medieval e Portugal ,
cun epílogo amábel
Un percorrido musical por algúns episodios da historia de Galicia e Portugal, desde a conquista de Almería no século XII por Afonso VII ata a tráxica batalla de Alcazarquivir en 1578, pasando pola morte do mariscal Pardo de Cela e a construción da súa memoria. O programa combina música antiga, poesía e historia para recuperar relatos de guerras, derrotas, lealdades e traizóns, poñendo en diálogo fontes medievais e renacentistas con creacións contemporáneas. Un dos eixes centrais é o Pranto da Frouxeira, acompañado por tres poemas de autoras e autores galegos actuais —Luis Valle, Eva Veiga e Elvira Ribeiro Tobío— que, desde diferentes perspectivas e linguaxes poéticas, recrean os acontecementos de 1483 e reciben aquí novas músicas a partir de romances dos séculos XV e XVI. O percorrido achégase tamén á Conquista de Almería de 1147, evocada a través dunha recreación musical sobre a melodía dunha Cantiga de Santa María, e á morte de D. Sebastião de Portugal en Alcazarquivir, a través dun romance que conserva a memoria daquela tráxica batalla. Pezas de Juan del Encina, Diego Ortiz e Juan de Anchieta, xunto con outras procedentes dos cancioneiros ibéricos, completan este universo musical. E, como contrapunto á dor e á violencia da historia, o programa remata mirando cara ao amor, a través de tres pezas do primeiro repertorio profano impreso da historia da música, as frottole publicadas por Ottaviano Petrucci a comezos do século XVI, entre elas músicas sobre textos de Petrarca. Un programa que percorre cinco séculos de historia e música para mostrar como a poesía e a música poden conservar a memoria da dor, transformar os feitos históricos en relato e, finalmente, atopar no amor outra forma de falar do ser humano.
Programa para 4, 5 ou 6 intérpretes