De prantos e cantos
Músicas entre a idade media e a modernidade
Un programa que reúne e sintetiza parte dos últimos traballos arredor do patrimonio musical galego, combinando a investigación sobre as fontes medievais coa experimentación e a recuperación da tradición musical máis próxima. A primeira parte está dedicada a algúns dos escasos prantos medievais relacionados con Galicia, tanto en galego como noutras linguas, un repertorio de especial interese histórico e musical que foi obxecto de investigación, recuperación e gravación no marco do proxecto Laudatio Funebris, desenvolvido en colaboración con aCentral Folque e galardoado no III Certame Reino Medieval de Galicia, convocado pola Deputación da Coruña. A segunda parte propón un encontro sorprendente entre este universo medieval e a música tradicional galega, a través de pezas que se presentan en ocasións xunto a repertorio medieval ou son reinterpretadas empregando instrumentos e recursos propios das sonoridades medievais e renacentistas. O resultado é un diálogo pouco habitual entre tradicións afastadas no tempo, pero capaces de revelar inesperadas afinidades musicais e novas posibilidades expresivas. Unha proposta que combina memoria e experimentación, rigor e espontaneidade, para achegar o patrimonio musical galego desde unha perspectiva próxima, suxestiva e renovada.
Programa para 3 ou 4 intérpretes